Benvid@s a Auladiver, o blog de Pedagoxía Terapéutica do CEIP A Rúa (Cangas), un espazo aberto e dinámico que aposta polo valor da diversidade.

lunes, 31 de enero de 2011

As 1000 grúas da Paz

En Educación para a Cidadanía continuamos traballando os Dereitos Humanos e, ligado á celebración do Día da Paz, tivemos a oportunidade de realizar outra actividade de convivencia cos alumnos e alumnas do IES de Rodeira, neste caso de 4º da ESO.


Primeiro contáronnos a historia de Sadako Sasaki, unha nena xaponesa que morreu de leucemia en 1955, un dos efectos secundarios da bomba atómica lanzada sobre Hiroshima dez anos antes. E despois, ensináronnos a facer grúas de papiroflexia que penduramos na clase como símbolo de paz e convivencia.


Para Felipe e Lía foi así:

O día 21 de xaneiro viñeron os de 4º da ESO de Rodeira a contarnos un conto e a ensinarnos a facer grúas de papel para celebrar o día da Paz, o 30 de xaneiro.
O conto chámase "Sadako e as mil grúas de papel". Sadako foi unha nena que tivo unha enfermidade moi grave despois de cair a bomba en Xapón. Cando estaba no hospital, unha amiga contoulle unha lenda que dicía que a quen fixera 1.000 grúas de papel concedíanlle un desexo. Ela comezou a facer grúas para salvarse, pero morreu cando levaba 600 máis ou menos. Os seus amigos fixeron as que faltaban e enterrárona con elas.
Despois de contarnos a historia, os do instituto repartíronse entre nosas mesas, déronnos papeliños pequenos de cores e fixemos as grúas. Gustounos moito esta actividade e temos moitas ganas de que volvan pronto con outra.





Foi unha actividade moi interesante e divertida. Ademais, deixáronnos o libro de Sadako, que estamos a ler na hora de ler dos mércores.




Moitas grazas a estes alumnos e alumnas de 4º da ESO e ás súas profes e... ata pronto!