Benvid@s a Auladiver, o blog de Pedagoxía Terapéutica do CEIP A Rúa (Cangas), un espazo aberto e dinámico que aposta polo valor da diversidade.

martes, 18 de diciembre de 2012

A cor do silencio

Aproveitando a celebración do Día dos Dereitos do Neno, o 20 de novembro, e o Día dos Dereitos Humanos, o 10 de decembro, iniciamos unha serie de actividades relacionadas con estes Dereitos, que interconectan os tres bloques de contidos.
A cor do silencio, adaptada dos Materiais para a Educación en Dereitos Humanos de Amnistía Internacional, é a primeira destas actividades. O seu obxectivo é formar os grupos de traballo.


 Así o relatan Abel e Carol:

O día 28 de novembro, na clase de Cidadanía, fixemos unha actividade que consistía en facer un círculo en silencio e cos ollos pechados, mentres a profesora Rosana íanos pegando na espalda gomets de distintas cores e formas.
Logo tivemos que xuntarnos coa xente que tiña a mesma forma e cor que nós, pero para iso tiñamos que, sen falar, preguntar con xestos aos compañeiros como era a nosa pegatina, e eles tiñan que sinalar a cor que era.
A actividade realizouse correctamente pero, finalmente, Abel quedou so e tivemos que acollelo nun grupo.
Foi unha actividade divertida e o que Rosana quería transmitirnos era que podía acollerse a alguén que é diferente a nós. 

 


O autoconcepto

Continuamos traballando a identidade e o autocoñecemento, esta vez centrándonos no autoconcepto. Para iso adaptamos unha actividade do programa de Patricio José Ruiz Lázaro "Promoviendo la adaptación saludable de nuestros adolescentes" (Premendo no título atoparás o documento en PDF).



Arón e Jose contan:

O mércores día 7 de novembro, na clase de Cidadanía, estivemos facendo unha ficha que se trataba de coñecernos a nós mesmos. Nela aparecían algunhas cousas como por exemplo: como me atopo na familia, na escola ou como me relaciono cos meus compañeiros... Na nosa opinión esta actividade foi importante porque nos fixo reflexionar e coñecernos mellor.

viernes, 14 de diciembre de 2012

Os xirasois

Este é o traballo que fixemos na Aula de Apoio para o calendario do colexio. Como nos tocou o mes de xullo eliximos os xirasois, xa que florecen nese mes. Para inspirarnos, utilizamos un pequeno xirasol que nos trouxo a profe Chus e tamén o cadro "Os Xirasois" de Vincent van Gogh. 
Aquí vos deixamos unhas imaxes de todo o proceso.

Autorretrato

Iniciamos con esta, unha serie de actividades destinadas a traballar a Identidade Persoal, que forma parte do primeiro Bloque de Contidos, "O individuo e as relacións interpersoais e sociais".
Para comezar, dedicamos unha sesión a acadar unha definición conxunta e consensuada para distintas calidades persoais, de xeito que todos entenderamos o mesmo ao falar dunha persoa tolerante, alegre, positiva, preguiceira, xenerosa, rebelde, simpática, sincera, vergoñenta e confiada. 
Logo pasamos a completar un gráfico de barras no que tiñamos que valorarnos a nós mesmos en todas esas calidades persoais (tomado  do material de Educación en Valores de Kitscaixa).



A continuación fixemos dous autorretratos, un por escrito no que tiñamos que describirnos apoiándonos nas calidades da actividade anterior, e outro que consistiu nun debuxo de nós mesmos. Máis que a calidade artística importaba o feito de reflectir os aspectos físicos máis salientables de cada quen.



Na última sesión houbo, coma sempre, unha posta en común na que se leron os autorretratos e se amosaron os debuxos para que o grupo identificase a quen facían referencia 

Así o contan Salwa e Ruth:

O mércores 24 de outubro, na clase de Cidadanía, os de 6º fixemos un autorretrato para coñecernos mellor. Tratábase de facer un gráfico de barras valorando se eramos tolerantes, agradables, rebeldes, sinceros... Despois fixemos outra actividade describindo a nosa forma de ser e finalmente debuxámonos a nós mesmos. Na seguinte clase, a profesora Rosana leu algúns traballos e nós tiñamos que acertar de quen eran. A experiencia foi moi divertida e interesante porque axudounos a coñecernos mellor a nós mesmos e a todos os que nos rodean.

lunes, 10 de diciembre de 2012

Día dos Dereitos Humanos

Hoxe commemórase a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, asinada pola Asemblea Xeral da ONU o 10 de decembro de 1948. 
A Oficina do Alto Comisionado para os Dereitos Humanos define a estes como "dereitos inherentes a todos os seres humanos, sen distinción algunha de nacionalidade, lugar de residencia, sexo, orixe nacional o étnica, color, relixión, lingua, ou calquera outra condición. Estes dereitos son interrelacionados, interdependentes e indivisibles", e afirma que "os dereitos humanos universais están a menudo contemplados na lei e garantidos por ela, a través dos tratados, o dereito internacional consuetudinario, os principios xerais e outras fontes do dereito internacional".
Lamentablemente, o feito de que a cotío comprobemos nas noticias con que impunidade se incumplen en diversos lugares do mundo estes dereitos, fai necesario que sigamos lembrando esta data e, sobre todo, transmitindo na escola os valores que representa.
Este vídeo ofrécenos un breve repaso da historia dos Dereitos Humanos.

viernes, 7 de diciembre de 2012

Eleccións de Representantes

A primeira actividade que levamos a cabo está relacionada co terceiro Bloque de Contidos "Vivir en sociedade". Fixemos unha campaña electoral na que se presentaron os candidatos/as que consideraban posuír as calidades persoais que require un bo representante da clase. Os/as candidatos/as fixeron os seus discursos tratando de expoñer as súas propostas ao resto dos compañeiros/as. 


Constituíuse a mesa electoral, formada polo alumno máis novo como Secretario, o máis vello como Interventor, e o titor como Presidente da mesa. A continuación, coa lista da clase como censo electoral, procedemos á votación e ao reconto de votos do que saíron designados representantes de 6º curso Arán Langarica e Javier Rodríguez. Noraboa!




Os dous protagonistas relatan como viviron o proceso: 
"O 10 de outubro foron as eleccións para votar aos representantes de 6º, como cada curso eliximos dous. Cada persoa que quería ser canditato/a a representante tiña que facer un discurso. Houbo unha mesa electoral na que estaban Ántar, por ser o máis novo e Benjamín por ser o máis vello; tamén estaba Antonio, o profesor. A nós encantounos saír elixidos representantes e estamos moi contentos de ter esa responsabilidade".